Irixoa - ORDENANZA FISCAL NÚMERO 10 REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS (ICO)

Publicación provisional: 24/12/2001 BOP Nº: 293
Publicación definitiva: 24/12/2001 BOP Nº: 293
Aplicable dende: 28/06/2023

Artigo 1. Feito impoñible.

1. De conformidade co previsto no art. 101 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, do Texto Refundido da Lei reguladora das Facendas Locais, constitúe o feito impoñible do imposto a realización, dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra para a cal se esixa a obtención da correspondente licenza de obra urbanística, ou a presentación da comunicación previa, declaración responsable, con independencia de que se obtivesen ou presentasen estas, sempre que a súa expedición ou tramitación corresponda a este concello.

2. As construcións, instalacións e obras a que se refire o apartado anterior poderán consistir, a modo enunciativo e non exclusivo, en:

a) Obras de construcións de edificacións e instalacións de todas clases de nova planta.

b) Obras de demolición.

c) Obras en edificios, tanto aquelas que modifiquen a súa disposición interior como o seu aspecto exterior.

d) Aliñacións e rasantes.

e) Obras de fontanería e saneamento.

f) Obras en cemiterios.

g) Calquera outra non especificada e que requira o control urbanístico polo concello.

Artigo 2. Suxeitos pasivos.

1. Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuínte, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, propietarios dos inmobles sobre os que se realicen as construcións, instalacións e obras, sempre que sexan donos das obras; nos demais casos considerarase contribuínte a quen teña a condición de dono da obra.

2. Teñen a condición de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte aqueles que soliciten as correspondentes licencias ou realicen as construcións, instalacións ou obras, se non fosen os propios contribuíntes.

Artigo 3. Base impoñible, cota e a obriga de contribuír.

1. A base impoñible do imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra.

2. A cota do imposto será o resultado de aplicarlle á base impoñible o tipo de gravame correspondente.

3. Os tipos de gravame que se establecen, segundo cada tipo de obra, son os seguintes:

a) Tipo xeral, subsidiario e residual: 2,5 %

b) Obras de nova planta e demolicións para calquera tipo de uso, incluídos cerrados, escavacións, abastecemento, etc.:

1- A executar en 1 ou 2 parcelas catastrais: 2,5 %

2- A executar en 3 ou máis parcelas catastrais, cun orzamento superior a 30.000 € e sempre que non se refiran a uso de vivenda: 3,0 %

c) Obras de reforma, reconstrución, substitución ou renovación de elementos, etc.: 2,2 %

4. O imposto retribuirase no momento de iniciarse a construción, instalación ou obra, aínda cando non se solicitase ou obtivese a pertinente licenza, nin se presentase a oportuna comunicación previa ou declaración responsable.

Artigo 4. Bonificacións potestativas.

Establécese unha bonificación do 95 por cento a favor das construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración. Corresponderá dita declaración ao Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude do suxeito pasivo, polo voto favorable da maioría simple dos seus membros.

Artigo 5. Xestión.

1. Cando o concello acorde ou resolva sobre o control da obra, practicarase unha liquidación provisional, determinándose a base impoñible en función do orzamento de execución material presentado polos interesados, sempre que este fose visado polo colexio oficial correspondente; noutro caso, a base impoñible será determinada polo técnico municipal, de acordo co custo estimado do proxecto ou memoria.

2. Á vista das construcións, instalacións ou obras efectivamente realizadas e o custo real efectivo destas, farase polo concello a oportuna comprobación administrativa, que pode modificar a base impoñible prevista no apartado anterior; se non existise modificación, a liquidación do apartado anterior obterá o carácter de definitiva, pero se existise modificación practicarase unha nova liquidación con carácter definitivo; o resultado da nova liquidación definitiva poderá ser favorable ao Concello, esixíndose ao suxeito pasivo a diferencia, ou favorable ao suxeito pasivo, reintegrándoselle o que corresponda.

3. Para a estimación do custo efectivo e real da construción teranse en conta os seguintes criterios:

a) Nos proxectos técnicos visados polo colexio correspondente ao orzamento de execución material, quedando excluídos polo tanto os gastos xerais, beneficio industrial, honorarios de redacción e IVE.

b) Para os demais supostos o técnico realizará a estimación atendendo aos prezos unitarios fixados no anexo do presente articulado, podendo incluso facerse estimacións por métodos complementarios ou analóxicos, sempre que non existise estimación específica no anexo.

Artigo 6. Inspección e recadación.

A inspección e recadación do imposto realizarase de acordo co previsto na Lei xeral tributaria; Lei de dereitos e garantía do contribuínte e nas demais leis reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 7. Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias, así como na determinación das sancións que por estas correspondan en cada caso, aplicarase o réxime legal e normativo citado anteriormente e que regule a presente materia.

Disposición final

A presente ordenanza fiscal, aprobada orixinariamente por acordo plenario do 11-10-2001, modificado por acordos do 31-5-2002, 20-12-2007, 31-10-2012, 4-11-2015 e na presente modificación por acordo plenario do 29-3-2023, entrará en vigor, en canto a tal modificación, con data do día seguinte ao da súa publicación no BOP, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa; en canto á modificación será de plena aplicación retroactiva con data do 1-1-2023.