Melide - ORDENANZA Nº 28.1: PREZOS PÚBLICOS ESCOLAS DEPORTIVAS
Primeiro: Inscrición
A inscrición deberá realizarse por escrito en modelo normalizado e presentarse no Rexistro do Concello de Melide xunto co certificado do número de conta no que se efectuarán os pagamentos das actividades das escolas deportivas e culturais.
Segundo: Oferta de actividades, horarios, calendario e prazos de inscrición
A oferta de actividades, os horarios, o calendario e o prazo de inscrición será aprobado por Decreto de Alcaldía e será publicado no taboleiro de anuncios da páxina web do Concello de Melide e nas súas redes sociais.
Unha vez rematado o prazo de inscrición, publicarase unha lista provisional de solicitantes por actividades no taboleiro de anuncios da páxina web do Concello de Melide, tendo un prazo de catro días naturais a partir do día seguinte da publicación para reclamacións.
Unha vez remate o prazo de presentación de reclamacións, estas resolveranse e publicaranse as listas definitivas de admitidos/as no taboleiro de anuncios do Concello de Melide, sempre antes do día de comezo das actividades.
Unha vez publicadas as listas definitivas de admitidos/as nas escolas deportivas e culturais, abrirase novamente a inscrición nas escolas e esta quedará aberta até o último día do mes de abril.
Terceiro: Inicio e clausura de actividades
As escolas deportivas e culturais comezarán o 1 de outubro (sempre que este non coincida sábado ou domingo) ata o último venres do mes de maio.
O calendario das Escolas deportivas e culturais será o mesmo que o aprobado pola Xunta de Galicia para o curso escolar, facendo coincidir festivos e vacacións escolares.
Cuarto: Admisión de participantes
A admisión de participantes nas distintas actividades das escolas deportivas e culturais do Concello de Melide farase tendo en conta estritamente a orde de entrada de solicitudes no Rexistro do concello. No caso de haber máis solicitudes que prazas ofertadas, terán prioridade os/as solicitantes empadroados/as no Concello de Melide.
No caso de que cos solicitantes empadroados en Melide se cubran todas as prazas, o Concello de Melide fará un sorteo público ante o/a secretario/a municipal para elixir unha letra do abecedario e levantarase acta. A partir do sorteo, confeccionanse as listas de admitidos e lista de espera ordenando aos solicitantes por orde alfabético tendo en conta a letra do sorteo e a primeira letra do primeiro apelido. As listas publicaranse no taboleiro de anuncios da páxina web do Concello de Melide antes do comezo das actividades.
Unha vez que comecen as actividades, abrirase un segundo prazo de inscrición e este quedará aberto até o último día do mes de abril. Para a admisión de participantes neste segundo prazo de inscrición terase en conta a orde de entrada das solicitudes no Rexistro do Concello de Melide.
As persoas que non consigan praza nas actividades quedarán en lista de espera, de maneira que cando se produza unha baixa se tire da lista de espera respectando a orde do sorteo seguida das solicitudes presentadas no segundo prazo de inscrición.
Así mesmo, os admitidos que teñan tres faltas sen xustificar no mesmo mes e a actividade teña solicitantes en lista de espera, tramitaráselle directamente a baixa na actividade.
Quinto: Horario
O horario das actividades establecerao a Concellaría de Cultura e Deportes antes do comezo do período de inscrición e poderá sufrir pequenas variacións.
Sexto: Tarifa
O prezo público para cada unha das actividades será de 15,00€/actividade, independentemente da duración semanal das mesmas.
Os usuarios/as só poderán solicitar a inscrición na totalidade das horas que se oferte, non podendo inscribirse na metade das horas.
No caso de que unha actividade comece unha vez iniciado o mes, cobraráselle ao usuario a parte proporcional do custe total da actividade.
No caso de que o Concello tivera que cancelar algunha das actividades unha vez comezado o mes, cobraráselle ao usuario a parte proporcional polas clases impartidas.
Sétimo:
Non se exixe depósito previo para a realización da actividade.
Oitavo:
Declárase expresamente a existencia de razóns culturais/deportivas e de interese público que aconsellan a fixación do prezo público por debaixo do custo da actividade.
Noveno:
A modificación do prezo público entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no BOP, e comezará a exixirse o día 1 do mes seguinte (salvo que entre en vigor o día 1 do mes que corresponda, en cuxo caso exixirase desde o dito mes) para os recibos que se emitan no dito mes.
Décimo:
Para o non previsto neste apartado, estarase ao disposto na ordenanza xeral número 28, xeral reguladora do establecemento ou modificación dos prezos públicos do Concello de Melide.
Décimo primeiro: Liña de descontos aos prezos públicos aprobados
As familias numerosas terán un desconto do 20% sobre a cota total.
BENEFICIOS SOCIAIS
Aqueles nenos e nenas de familias con baixos ingresos e empadroados no Concello de Melide, poderán asistir de maneira gratuíta a unha das actividades ofertadas sempre e cando o total dos ingresos da unidade familiar non superen dúas veces o importe do RISGA. Deberán presentar no momento da inscrición un informe da traballadora social do Concello de Melide que o confirme.
Décimo segundo:
O cobramento deste prezo público exixirase mediante domiciliación bancaria, emitíndose o recibo nos primeiros sete días do mes seguinte a que corresponda.
No caso de devolución de recibos, o importe terá que aboarse nun prazo máximo de 10 días dende a data da devolución, para o cal practicarase unha liquidación que terá que aboarse nas dependencias municipais (tarxeta bancaria) ou nas entidades bancarias de Abanca ou Caixabank.
O non ter aboado o importe no prazo citado dará lugar á baixa da dita persoa/s en todas as actividades das escolas deportivas e culturais.
Décimo terceiro:
A solicitude de baixa ou alta nas actividades deberá presentarse por escrito e rexistrarse no Concello antes do día 15, e terá efectos no mes seguinte á data da comunicación.
Décimo cuarto:
Non procederá darse de alta en actividade ningunha de non ter ao día as cotas do curso anterior, podendo efectuarse neste caso o pagamento das cotas pendentes nas dependencias municipais (tarxeta bancaria) ou nas entidades bancarias de Abanca ou Caixabank.
Décimo quinto:
O Concello de Melide outórgase o dereito de cancelar algunha das actividades por falta de participación, así como o de ampliar a oferta doutras actividades ao longo de todo o curso.
A modificación da oferta de actividades tras ser aprobada polo órgano competente, publicarase no taboleiro de edictos do Concello de Melide e abrirase o prazo de inscricións ao día seguinte ao da publicación do anuncio. O prazo de inscrición quedará aberto até o final do curso.
A solicitude de alta nas actividades deberá presentarse por escrito e rexistrarse no Concello e terá efectos para o inicio das clases da nova actividade si esta se inicia unha vez empezado o mes ou no mes seguinte á data da comunicación para o resto dos meses.
Antes de comezar as clases aprobarase a lista de admitidos e a lista de espera de cada unha das actividades que se publicará no taboleiro de edictos do Concello de Melide e no taboleiro de anuncios do Edificio Multiusos.
A admisión de participantes nas distintas actividades das escolas deportivas e culturais do Concello de Melide farase tendo en conta estritamente a orde de entrada de solicitudes no Rexistro do Concello ou a aplicación do sorteo de ser preciso.
Os/as solicitantes que non consigan praza nas escolas deportivas e culturais, quedarán en listaxe de espera tendo en conta a orde de entrada das solicitudes no Rexistro. No momento que se xere algunha baixa tirarase da lista de espera respectando a orde de entrada no Rexistro do Concello.