Outes - Ordenanza reguladora do prezo público pola prestación de actividades culturais e deportivas

Publicación provisional: 13/02/2002 BOP Nº: 36
Publicación definitiva: 13/02/2002 BOP Nº: 36
Aplicable dende: 09/03/2008

Artigo 1.º .-Concepto.

a) De acordo co disposto no artigo 41 da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, este Concello establece o prezo público pola prestación de actividades culturais e deportivas, que se rexerá polo que dispón esta ordenanza.

b) Poderán ser usuarios de tales actividades culturais ou deportivas tódalas persoas físicas e xurídicas que soliciten do servicio a súa participación nestas.

Artigo 2.º .-Suxeitos obrigados ó pagamento.

Son suxeitos obrigados ó pagamento as persoas físicas e xurídicas que, tendo solicitado a súa participación nas actividades culturais ou deportivas organizadas, sexan admitidas polo servicio correspondente.

Artigo 3.º .-Actividades gravadas.

Esixiránse os correspondentes prezos públicos pola participación nas actividades culturais seguintes:
1.- Actividades musicais: Bailes de salón, baile rexional, solfeo, gaita e percusión, pandeireta e canto, e outras análogas
2.- Actividades manuais: Pintura, manualidades, corte e confección, e outras análogas
3.- Actividades formativas: Informática, curso de monitor de tempo libre e outras análogas.
4.- Actividades deportivas: Fútbol, fútbol-sala, tenis de mesa, badminton, patinaxe, baloncesto, piragüismo, vela, predeporte e xogos infantís, e outras análogas.
5.- Outras actividades: campamento urbano e outras análogas.

Artigo 4.º .-Contías das actividades gravadas.

1. Os prezos públicos esixiranse de acordo co seguinte cadro de tarifas:
ACTIVIDADE
IMPORTE MENSUAL
Bailes de salón
12,00 €
Baile rexional
6,00 €
Pintura
12,00 €
Manualidades
6,00 €
Corte e confección
6,00 €
Informática
6,00 €
Solfeo
6,00 €
Gaita e percusión
6,00 €
Pandeireta e canto
6,00 €
Fútbol
6,00 €
Fútbol-sala
6,00 €
Ping-pong
6,00 €
Badminton
6,00 €
Patinaxe
6,00 €
Baloncesto
6,00 €
Piragüismo
6,00 €
Predeporte e xogos infantís
6,00 €
Vela
40,00 € (importe total da actividade)
Monitor de tempo libre
280,00 € (importe total da actividade)
Campamento urbano
60 € (importe total da actividade)
2. As persoas que participen en 2 actividades simultáneamente gozarán dunha reducción dun 50% no prezo da actividade que teña un prezo mensual inferior. As persoas que participen en 3 ou mais actividades simultáneamente terán unha reducción do 50% en cada unha desas actividades.
3. Establécese unha bonificación do 100% para os participantes no Campamento Urbano que estén empadroados no Concello de Outes.

Artigo 5.º .-Obriga de pagamento.

A obriga de pagamento nace dende que se inicia a prestación da actividade cultural ou deportiva, se ben este Concello poderá esixi-lo depósito previo no momento da inscrición.

Artigo 6.º .-Normas de xestión: pagamento.

Unha vez que exista o número mínimo de persoas preinscritas que faga posible e viable a realización da actividade cultural ou deportiva anteriormente regulamentada, os interesados en participar, e sempre por rigorosa orde de preinscrición, deberán presentar para a súa inscrición definitiva a documentación esixida xunto co documento acreditativo do pagamento do prezo público correspondente, regulado na presente ordenanza. A presentación en prazo da citada documentación suporá a inscrición na actividade.

O pagamento do prezo público farase no momento da inscrición, en calquera entidade colaboradora do Concello.

As débedas non satisfeitas nos termos deste artigo esixiranse por vía de constrinximento, de acordo co que dispón o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 7.º .-Outras obrigas.

Os solicitantes das actividades deberán estar ó corrente do pagamento das débedas contraídas co Concello de Outes.

Nos supostos en que a actividade a desenvolver non se encontre tarifada na presente ordenanza ou resulte necesaria a modificación ou actualización das contías, delégase na Comisión de Goberno, conforme ó artigo 23.2 b) da Lei 7/85, do 2 de abril, o establecemento da tarifa a proposta do servicio correspondente co previo informe da Intervención municipal.

Disposición final.

O presente acordo entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e comenzará a aplicarse a partir do mesmo día, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derogación.