Narón - Ordenanza fiscal núm. 18, reguladora da taxa pola prestación do servizo da escola infantil municipal
ARTIGO 1º FUNDAMENTO E RÉXIME.
No uso das facultades conferidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución, e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 e 19, en relación co artigo 20 do RD Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo polo que se aproba o Texto Refundido da Lei reguladora das facendas locais, e conforme ó establecido no artigo 19 da Orde do 30 de decembro de 2010 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o mantemento das escolas infantís 0-3 e os puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das Corporacións Locais, o Concello de Narón precisa modificar as cotas e prezos pola prestación dos servizos das Escolas Infantís Municipais para acomodalas ás previstas pola Consellería de Traballo e Benestar para as escolas infantís 0-3, no Decreto que derroga o Decreto 70/2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e que se rexerán pola presente ordenanza fiscal.
ARTIGO 2º FEITO IMPOÑIBLE.
Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servizo de escolas infantís municipais, consistente en escola infantil para nenos, educación, comedor e outros complementarios.
ARTIGO 3º SUXEITOS PASIVOS.
1.- Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas que resulten beneficiadas ou afectadas pola actividade administrativa ou servizo que constitúe o feito impoñible desta taxa.
2.- Tendo en conta que os usuarios do servizo gravado por esta taxa son menores de idade que non teñen capacidade de obrar, actuarán no seu nome, cos efectos previstos na Lei xeral tributaria, os seus pais, titores ou calquera outro representante legal a quen corresponda o exercicio da patria potestade.
ARTIGO 4º RESPONSABLES.
Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas que sexan causantes ou colaboren na realización dunha infracción tributaria.
ARTIGO 5º COTA TRIBUTARIA.
1.- TARIFAS:
1. Prezo por asistencia.
O prezo pola asistencia aos centros das escolas infantís municipais 0-3, fíxase en 140 euros mensuais.
Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse diversas reducións que oscilan entre o dez e o sesenta e cinco por cento da tarifa.
Cando o/a alumno/a teña solicitada e concedida unha praza en réxime de media xornada, o prezo da asistencia reducirase no cincuenta por cento do prezo que lle corresponda abonar de acordo coa renda per cápita da unidade familiar.
2. Prezo por servizos complementarios.
A Nos centros que presten outros servizos, os prezos aos que fai referencia o punto 1 incrementaranse segundo os servizos dos que o neno/a sexa usuario:
a. Servizo de comedor: o prezo por este servizo fíxase en 43 euros mensuais. No caso de nenos/as que non utilicen habitualmente o servizo de comedor e que excepcionalmente, e por motivos xustificados, desexen utilizar o servizo algún día solto, o prezo será de 3,5 euros por día.
b. Horario ampliado: o prezo mensual de cada hora en que se incremente o horario da asistencia adxudicado ao usuario/a será de 18 euros.
O prezo da hora extraordinaria non estará suxeita a redución algunha.
B Os servizos complementarios aos que fai referencia este punto 2 serán de utilización voluntaria polos nenos/as asistentes ao centro.
3. Aplicación das tarifas segundo os tramos de renda per cápita da unidade familiar
a) Rendas inferiores ao trinta por cento do IPREM
Prezo da praza: con servizo de comedor 6 €; sen servizo de comedor 0
b) Rendas comprendidas entre o 30 e inferiores ao 50 por cento do IPREM
Prezo da praza: con servizo de comedor 64 €; sen servizo de comedor 49 €.
c) Rendas comprendidas entre o 50 e o 75 por cento do IPREM
Prezo da praza: con servizo de comedor 64 €; sen servizo de comedor 49 €.
d) Rendas superiores ao 75 e inferiores ao 100 por cento do IPREM
Prezo da praza: con servizo de comedor 106 €; sen servizo de comedor 81 €
e) Rendas comprendidas entre o 100 e inferiores ao 150 por cento do IPREM
Prezo da praza: con servizo de comedor 165 €; sen servizo de comedor 126 €
f) Rendas superiores ao 150 por cento do IPREM
Prezo da praza: con servizo de comedor 183 €; sen servizo de comedor 140 €.
*IPREM.- Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples, que en aplicación do Real Decreto - Lei 3/2004 ven determinado pola contía anual con inclusión de pagas extraordinarias.
4. Descontos.
A) Segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo que resulte de aplicar o disposto nos puntos 1) e 2) anteriores, aplicaranse os seguintes descontos:
a. Nenos/as pertencentes a familias numerosas, desconto dun 20 %.
b. Nenos/as pertencentes a familias monoparentais, desconto dun 20 %
c. Cando asistan ao mesmo centro varios irmáns, desconto dun 20 por cento por cada neno/a atendido/a. No caso de que estes irmáns nacesen en parto múltiple, o desconto será dun 30 % por cada neno/a.
B) Cando por circunstancias sobrevidas (solicitude fóra de prazo, traslado de residencia, etc.), o/a neno/a ingrese no centro con posterioridade ao día 15 do mes, a cota que corresponda pagar polo dito mes terá un desconto do 50 %
5. Base de cálculo
1. Para os efectos do disposto nesta ordenanza, enténdese por renda per cápita mensual o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar, o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.
Enténdese por unidade familiar, para os efectos desta ordenanza, a formada polos pais e fillos menores de dezaoito anos ou fillos maiores de dezaoito anos, cunha minusvalía superior ao 33 por cento. No caso de familias monoparentais, e para efectos do cálculo da renda per cápita ao que se refire o parágrafo anterior, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.
2. Para os efectos desta ordenanza, teñen a consideración de ingresos a suma da base impoñible xeral maila base impoñible do aforro do IRPF.
Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles ás que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración, os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
3. Os ingresos da unidade familiar que non exista obriga de incluír na declaración da renda (pensións de alimentos, compensatorias, etc.), e que se engadirán a aqueles, teranse en conta coas actualización correspondentes establecidas na resolución que as recoñezan.
ARTIGO 6º REVISIÓN DO PREZO
Ao longo do curso poderase proceder á revisión do prezo fixado inicialmente cando concorran e se xustifiquen variacións socioeconómicas na unidade familiar referidas aos seguintes casos:
a) A modificación das variables que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.
b) As variacións nos seus ingresos que impliquen unha modificación substancial na súa capacidade económica. Só se terán en conta as variacións que supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20% no cómputo anual fronte aos ingresos declarados na solicitude de praza ou, de ser o caso, nunha variación posterior. Estas variacións deberán ter unha duración dun mínimo de 4 meses para ser tidas en conta e xustificaranse por medio da declaración do IRPF, dun certificado emitido pola Axencia Estatal ou por calquera outra documentación que, a xuízo da Concellería correspondente, xustifique e permita un novo cálculo da renda per cápita da unidade familiar.
c) A variación no número de membros da unidade familiar, se fose o caso.
Neste sentido a/o beneficiaria/o queda obrigada/o a comunicar calquera variación que se produza ao respecto.
A modificación do prezo, se é o caso, será resolta pola Concellería correspondente do Concello de Narón e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.
ARTIGO 7º PERÍODO IMPOSITIVO E RETRIBUCIÓN.
1. O período impositivo coincide co mes natural de prestación de servizos. A cota tributaria resultante da aplicación dos dous preceptos anteriores non poderá reducirse aínda cando a prestación do servizo non teña lugar durante todo o mes natural.
2. A taxa retribúese co inicio do mes natural, agás nos casos de incorporación ao servizo con posterioridade a tal data, no que se retribuirá a taxa coa correspondente alta.
3. No caso de utilizar o servizo de comedor por días soltos, realizarse o pagamento deste servizo xunto coa cota do mes seguinte.
4. A falta de pagamento de dúas mensualidades consecutivas de dúas mensualidades consecutivas ou tres alternas orixinará a perda do dereito á praza.
ARTIGO 8º XESTIÓN E RECADACIÓN DA TAXA.
1. A liquidación da cota tributaria practicarase por meses naturais e deberanas aboar os interesados nos dez primeiros días de cada mes, na entidade ou entidades financeiras que indique o Concello ou, no seu caso, o concesionario do servizo. En calquera momento o suxeito pasivo terá a posibilidade de domiciliar os recibos.
2. A inasistencia do usuario ao centro durante un período determinando non supón redución ningunha, nin extinción da tarifa, mentres non se formalice a baixa correspondente, coa excepción contemplada no artigo 59.2 do regulamento.
3. Os criterios de aplicación da presente Ordenanza están adaptadas á Orde do 3 de marzo de 2011 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e benestar para o curso 2011/2012, polo que calquera interpretación sobre a súa aplicación axustarase á citada normativa.
ARTIGO 9º SUSPENSIÓN TEMPORAL DA COTA
Os suxeitos pasivos aos que se refire o artigo 3º, non terán a obriga de aboar a cota durante os seguintes períodos:
a) O mes de vacacións anual da/o nena/o
b) Cando por calquera motivo distinto ao período de vacacións anuais o centro permaneza pechado por un período superior a quince días.
c) Cando por causa debidamente xustificada a/o nena/o deixe de asistir temporalmente ao centro. Neste caso, o suxeito obrigado estará exento de aboar a cota mensual dende o primeiro día do segundo mes natural seguinte á data de inasistencia ao centro. A suspensión da cota durará ata o día primeiro do mes natural en que teña lugar a incorporación da/o nena/o ao centro. Non obstante, se a reincorporación se produce con posterioridade ao día 15 do mes, a cota correspondente a dito mes reducirase nun 50 por cento.
A solicitude de suspensión de cota, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse no Rexistro Xeral do Concello, dirixida ao Servizo Sociocomunitario, onde se resolverá sobre a súa procedencia previo informe do xefe do Servizo Sociocomunitario.
Nos casos de suspensión temporal de cota, o pagamento correspondente ao mes de reincorporación realizarase no prazo de dez días seguintes á data de reincorporación. Así mesmo, nos casos en que o xefe do Servizo Sociocomunitario acorde a non procedencia da suspensión solicitada, o suxeito obrigado deberá ingresar as cotas atrasadas no prazo de dez días seguintes á notificación da resolución denegatoria.
ARTIGO 10º INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.
En materia de infraccións e sancións estarase ao disposto na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a complemente e desenvolvan.
DISPOSICIÓN FINAL.
A presente ordenanza fiscal entrará en vigor unha vez aprobada definitivamente e publicada no Boletín Oficial da Provincia, e comezará a aplicarse a partir do día 1 de xaneiro de 2012, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.