Narón - ORDENANZA FISCAL Nº 18, REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DOS SERVIZOS DAS ESCOLAS INFANTIS MUNICIPAIS

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 24/12/2018 BOP Nº: 244
Aplicable dende: 01/01/2019

ARTIGO 1º FUNDAMENTO E RÉXIME.

No uso das facultades conferidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución, e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto na Lei reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa pola prestación dos servizos das escolas infantís municipais, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.

ARTIGO 2º FEITO IMPOÑIBLE.

Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servizo de escolas infantís municipais, consistente en escola infantil para nenos, educación, comedor e outros complementarios.

ARTIGO 3º SUXEITOS PASIVOS.

1.- Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas que resulten beneficiadas ou afectadas pola actividade administrativa ou servizo que constitúe o feito impoñible desta taxa.

2.- Tendo en conta que os usuarios do servizo gravado por esta taxa son menores de idade que non teñen capacidade de obrar, actuarán no seu nome, cos efectos previstos na Lei xeral tributaria, os seus pais, titores ou calquera outro representante legal a quen corresponda o exercicio da patria potestade.

ARTIGO 4º RESPONSABLES.

Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas que sexan causantes ou colaboren na realización dunha infracción tributaria.

ARTIGO 5º COTA TRIBUTARIA.

5.1. Contías dos servizos:

5.1.1. ASISTENCIA E SERVIZOS ORDINARIOS

Contías en función do IPREM

Xornada completa

Continuada

Xornada Escolar

Continuada

Xornada completa

partida

Xornada

Mañá/tarde

Comedor

Almorzo

Merenda

Rendas inferiores ao 30% IPREM

0,00 €

0,00 €

0,00 €

0,00 €

0,00 €

0,00 €

0,00 €

Rendas entre o 30% e inferiores ao 50% IPREM

0,00 €

0,00 €

0,00 €

0,00 €

17,45 €

3,09 €

5,16 €

Rendas entre o 50% e inferiores ao 75% IPREM

34,91 €

31,99 €

34,05 €

20,64

17,45 €

3,09 €

5,16 €

Rendas entre o 75% e inferiores ao 100% IPREM

69,81 €

63,98 €

68,11 €

41,28 €

26,45 €

4,12 €

7,22 €

Rendas entre o 100% e inferiores ao 125% IPREM

112,13 €

103,20 €

109,39 €

61,92 €

37,02 €

6,19 €

10,32 €

Rendas entre o 125% e inferiores ao 150% IPREM

133,29 €

121,77 €

130,03 €

77,40 €

52,89 €

9,28 €

15,48 €

Rendas entre o 150% e o 200% IPREM

147,05 €

134,16 €

143,44 €

87,72 €

63,47 €

11,35 €

18,57 €

Rendas superiores ao 200% IPREM

169,26 €

154,80 €

165,12 €

92,88 €

74,05 €

12,38 €

20,64 €

Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse diversas reducións previstas no artigo 6 desta ordenanza.

5.1.2. HORARIO AMPLIADO

Con carácter excepcional as familias usuarias do servizo poderán ampliar a súa xornada de atención educativa mediante a solicitude de horas extraordinarias sempre que se acredite a súa necesidade:

Horario ampliado: 21,16 hora/mes

5.1.3. SITUACIÓNS ESPECIAIS

5.1.3.1. No caso de nenos/as que non utilicen habitualmente o servizo de comedor e que desexen utilizar o servizo algún día solto, o prezo será de 4,23 euros por día.

5.1.3.2. No caso de nenos/as que non utilicen habitualmente o servizo de almorzo e que desexen utilizalo algún día solto, o prezo será de 1,54 €/día.

5.1.3.3. No caso de nenos/as que non utilicen habitualmente o servizo de merenda e que desexen utilizalo algún día solto, o prezo será de 1,54 €/día.

5.1.3.4. No caso de nenos/as que non utilicen habitualmente o servizo de horas ampliadas e desexen utilizalo algún día solto, o prezo será de 4,23 € hora/día.

O prezo da hora extraordinaria non estará suxeita a redución algunha.

5.1.3.5. No caso de nenos/as que, con carácter extraordinario, solicite máis horas diarias de asistencia ao centro que as contempladas no horario do que é usuario/a, a tarifa mensual que lle corresponde abonar incrementarase atendendo ao número de horas que permaneza no centro.

Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse diversas reducións previstas no artigo 6 desta ordenanza.

5.1.3.6. De acordo co disposto no apartado 10 do artigo único do Decreto 148/2014, do 6 de novembro, polo que se modifica o Decreto 99/142, de 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, que establece que o réxime de copago en centros municipais será, como mínimo, equivalente ao réxime de precios públicos establecido pola Xunta de Galicia para as escolas infantís de titularidade autonómica, o incremento de prezos públicos establecidos pola Xunta de Galicia, que afecten ás contías mínimas contempladas neste artigo, levarán consigo o incremento automático do coste do servizo, ata garantir esta equivalencia.

Sen prexuízo do anterior, polo Concello procederase á modificación da ordenanza fiscal nos termos previstos na Lei reguladora das facendas locais.

ARTIGO 6º. DESCONTOS.

A) Segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo que resulte de aplicar o disposto no artigo 5.1.1, e no artigo 5.1.4, aplicaranse os seguintes descontos, que non son acumulables entre si:

a) Nenos/as pertencentes a familias numerosas: 20 %.

b) Nenos/as pertencentes a familias monoparentais: 20 %

c) Asistencia ao centro de varios irmáns: 20% (o segundo e sucesivos).

Para a aplicación dos descontos teranse en conta as circunstancias concorrentes no momento da presentación da solicitude de praza nas EIM, que deberán ser previamente xustificadas documentalmente de non coincidir coas circunstancias na data da devindicación da declaración do IRPF.

B) Cando por circunstancias sobrevidas (solicitude fóra de prazo, traslado de residencia, etc.), o/a neno/a ingrese no centro con posterioridade ao día 15 do mes, a cota que corresponda pagar polo dito mes terá un desconto do 50 %

ARTIGO 7º. BASE DE CÁLCULO

1.- Para os efectos do disposto nesta ordenanza:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos/as cónxuxes non separados legalmente, e as de análoga relación de convivencia, e:

a.-Os/as fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivena independentes destes/as.

b.-Os/as fillos/as maiores de idade incapacitados/as xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

c.-Os/as fillos/as maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendedo á situación existente a 31 de decembro do ano anterior ao que se refiran os datos económicos a que se refiren as seguientes regras.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas de cada un/unha dos/as membros da unidade familiar do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar no cal se pretenda que produza efectos, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, do último IRPF.

Ás cantidades anteriores sumaranse calquera outro tipo de ingresos ainda que non foran susceptibles de gravame (pensións de alimentos, compensatorias, etc.), coas actualizacións correspondentes establecidas na resolución que as recoñezan.

O importe dos ingresos totais da unidade familiar será acreditado mediante a presentación das copias certificadas pola Administración tributaria das declaracións do IRPF ou certificacións de ingresos das persoas que non presentasen as declaracións do IRPF.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental aquela unidade familiar da que forma parte un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con quen manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa económicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

2.- Para as persoas non obrigadas a declarar, terase en conta os rendementos que figuren nos datos existentes na Administración.

3.- Non obstante, cando as circunstancias na data de devindicación da declaración do IRPF non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento da presentación da solicitude de praza, teranse en conta estas últimas, previamente xusfificadas documentalmente, tanto para o cálculo da renda per cápita como para a aplicación do baremo e dos distintos descontos.

ARTIGO 8. REVISIÓN DE TARIFAS

Ao longo do curso poderase proceder á revisión da taxa fixada inicialmente cando concorran e se xustifiquen variacións socioeconómicas na unidade familiar referidas aos seguintes casos:

a) A modificación das variables que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.

b) As variacións nos seus ingresos que impliquen unha modificación substancial na súa capacidade económica. Só se terán en conta as variacións que supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20% no cómputo anual fronte aos ingresos declarados na solicitude de praza ou, de ser o caso, nunha variación posterior. Estas variacións deberán ter unha duración dun mínimo de 4 meses para ser tidas en conta e xustificaranse por medio da declaración do IRPF, dun certificado emitido pola Axencia Estatal ou por calquera outra documentación que, a xuízo da Concellería correspondente, xustifique e permita un novo cálculo da renda per cápita da unidade familiar.

c) A variación no número de membros da unidade familiar, se fose o caso.

Neste sentido a/o beneficiaria/o queda obrigada/o a comunicar calquera variación que se produza ao respecto, podendo o Concello facer unha revisión de oficio, a actualización de datos económicos que constan no expediente de cada neno/a, podendo verse modificada a súa tarifa.

A modificación da taxa, se é o caso, será resolta pola Concellería correspondente do Concello de Narón e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.

ARTIGO 9.PERÍODO IMPOSITIVO E RETRIBUCIÓN.

1. O período impositivo coincide co mes natural de prestación de servizos. A cota tributaria resultante da aplicación dos dous preceptos anteriores non poderá reducirse aínda cando a prestación do servizo non teña lugar durante todo o mes natural.

Nos casos de nenos/as en períodos de adaptación, se o servizo de comedor comeza a prestarse con posterioridade ao día 15 do mes, cobrarase a taxa de comedor correspondente a medio mes.

2. A taxa retribúese co inicio do mes natural, agás nos casos de incorporación ao servizo con posterioridade a tal data, no que se retribuirá a taxa coa correspondente alta.

3. No caso de utilizar o servizo de comedor por días soltos, realizarse o pagamento deste servizo xunto coa cota do mes seguinte.

4. A falta de pagamento de dúas mensualidades consecutivas ou tres alternas orixinará a perda do dereito á praza.

ARTIGO 10. XESTIÓN E RECADACIÓN DA TAXA.

A liquidación da cota tributaria practicarase por meses naturais e deberanas aboar os interesados nos dez primeiros días de cada mes, na entidade ou entidades financeiras que indique o Concello ou, no seu caso, o concesionario do servizo. En calquera momento o suxeito pasivo terá a posibilidade de domiciliar os recibos.

Os criterios de aplicación da presente Ordenanza están adaptadas ao Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.

ARTIGO 11. SUSPENSIÓN TEMPORAL DA COTA

Os suxeitos pasivos aos que se refire o artigo 3º, non terán a obriga de aboar a cota durante os seguintes períodos:

a) O mes de vacacións anual da/o nena/o

b) Cando por calquera motivo distinto ao período de vacacións anuais o centro permaneza pechado por un período superior a quince días.

ARTIGO 12. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.

En materia de infraccións e sancións estarase ao disposto na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a complemente e desenvolvan.

DISPOSICIÓN FINAL.

A presente ordenanza fiscal entrará en vigor unha vez aprobada definitivamente e publicada no Boletín Oficial da Provincia, e comezará a aplicarse a partir do día 1 de xaneiro de 2019, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.