Culleredo - Ordenanza fiscal nº6 Taxa por expedición de documentos

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 18/12/2004 BOP Nº: 290
Aplicable dende: 01/01/2005

Artigo 1. Feito impoñible

Constitúe o feito impoñible da taxa, a actividade administrativa desenvolvida con motivo da tramitación, a instancia de parte, de toda clase de expedientes e documentos.

Para estes efectos, entenderase tramitada a instancia de parte calquera documentación administrativa que fora provocada polo particular ou redunde no seu beneficio, aínda que non tivera mediado solicitude expresa do interesado.                                          

Non estará suxeita a esta taxa a tramitación de documentos e expedientes necesarios para o cumprimento de obrigas fiscais frente ao Concello de Culleredo, así como as consultas tributarias, solicitudes de devolución de ingresos indebidos, recursos administrativos contra acordos municipais e todos aqueles que estean gravados por outra taxa municipal.

Artigo 2. Suxeito Pasivo

Son suxeitos pasivos as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que a normativa tributaria impón o cumprimento de obrigas tributarias, que soliciten, provoquen ou no interese das que redunde a tramitación do documento ou expediente de que se trate.

Artigo 3. Cota tributaria.

A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa sinalada segundo a natureza dos documentos ou expedientes a tramitar de acordo coas seguintes tarifas:

 

Certificacions de cualificación urbanística

71,70 €

Expedición de Informes Técnicos ou Certificacions dos mesmos

27,20 €

Expedición de Informes emitidos pola Policía Local, certificacións dos mesmos ou copias de atestados policiais, relativos a accidentes de circulación

50,85 €

Expedición de Informes emitidos pola Policía Local, certificacións dos mesmos ou copias de atestados policiais, excepto os relativos a accidentes de circulación

13,75 €

Copias de planos existentes en calquera dependencia municipal, por copia

27,20 €

Busca ou cotexo de documentos de ata tres ou máis anos

27,20 €

Fotocopia realizada nas dependencias Municipais, por unidade

0,06 €

Tramitación de expedientes de declaración de ruína

71,65 €

Artigo 4. Devengo

Devéngase a taxa cando se inicie a actuación ou expediente. No caso de solicitude expresa, entenderase iniciada a actuación ou expediente no momento da súa presentación

Artigo 5. Xestión

A taxa esixirase en réxime de autoliquidación. No momento da presentación da solicitude, o suxeito pasivo deberá acreditar o pagamento da autoliquidación.

No caso de non existencia de solicitude expresa, a administración municipal poderá practicar e notificar unha liquidación provisional

Disposición final

A imposición deste tributo foi acordada en sesión plenaria celebrada o día 27/10/1998. A presente Ordenanza Fiscal foi aprobada en sesión plenaria celebrada o día 27/10/1998, sendo modificada posteriormente en sesións plenarias celebradas os días 26/10/1999, 07/11/2000, 27/11/2001, 29/10/2002 e 28/10/2003. A presente modificación foi aprobada en sesión plenaria de 26/10/2004. Entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. Comezará a aplicarse a partir do día 1 de xaneiro de 2005, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.